Anatexia

A anatexia[1] é o proceso mediante o cal unha rocha metamórfica pasa a transformarse en magma por influencia da temperatura e da presión.

Migmatita
Gneiss migmatítico

Proceso

As rochas metamórficas poden estar soterradas baixo condicións de temperatura e presión abondas para provocar a fusión dunha parte dos minerais que as constitúen.

Se esta fusión é parcial, a rocha transfórmase en anatexita ou en migmatita. Se é moi importante ou incluso total, os produtos da fusión parcial poden xuntarse para formar un magma e, se este é de natureza granítica (por exemplo, se a rocha parcialmente fundida é un sedimento pelítico) obterase despois do arrefriamento un granito de anatexia.

O comezo da fusión depende de numerosos factores, especialmente do quimismo das rochas presentes, da presión total e da presenza e a cantidade de vapor de auga.

A orde da fusión das rochas é, en principio, inversa á orde da cristalización fraccionada e das series de reacción.

O destino do líquido que se forma pode ser diverso:

  • pode permanecer canda os residuos sólidos (sen fundir), formando migmatitas ou anatexitas;
  • pode, nalgúns casos, separarse do residuo sen fundir, pero cómpre unha gran cantidade relativa de magma (1/3);
  • pode separarse completamente dos residuos e migrar cara á superficie, inxectarse en "diápiros" nas rochas encaixantes máis densas, pero non é quen de "dixerilas" nese traxecto, polo que a súa química non se modifica.

Anatexitas

A anatexita[2] está formada por dúas partes:

  • o paleosoma: parte antiga non afectada pola anatexia (normalmente de material gnéisico)
  • o neosoma: a parte nova, total ou parcialmente afectada pola fusión, que se divide en:
    • leucosoma: rexión de grans grosos de cor clara (cuarzo, feldespato) illados do líquido recristalizado
    • melanosoma: rexión de grans pequenos e escuros de minerais refractarios (biotita, cordierita, silimanita) que non se fundiron. A pesar disto, o melanosoma conserva moi pouca da estrutura metamórfica da rocha inicial, ao revés do que lle ocorre ao paleosoma.

Notas

Previsualización de referencias

  1. Castro Dorado, Antonio (2015). Petrografía de rocas ígneas y metamórficas (1ª ed ed.). Madrid: Paraninfo. ISBN 9788428335164. 
  2. Sawyer, E. W. (2008). Atlas of migmatites. [Ottawa, Ont.]: NRC Research Press. ISBN 9780660197876.