Glaucófitas

Glaucófitas

Glaucocystis sp.
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Archaeplastida
Filo: Glaucophyta
Skuja, 1954
Clase: Glaucophyceae
Bohlin, 1901
Orde: Glaucocystales
Bessey, 1907
Familia: Glaucocystaceae
G. S. West, 1904
Posibles xéneros
  • Glaucocystis
  • Cyanophora
  • Gloeochaete

As glaucófitas ou Glaucophyta (tamén chamadas glaucófitos, glaucocistófitas, glaucocístidas ou, como clase única, glaucofíceas), son un pequeno grupo de algas microscópicas de auga doce.[1] Están incluídas nas modernas clasificacións no grupo Archaeplastida, xunto coas algas vermellas (Rhodophyta), algas verdes e plantas terrestres (Viridiplantae ou Chloroplastida). Porén, as relacións entre as algas vermellas, algas verdes e glaucófitas non están claras,[2] en gran parte debido ao limitado estudo que se ten feito das glaucófitas.

As glaucófitas interesan moito aos biólogos que estudan o desenvolvemento dos cloroplastos, porque algúns estudos suxiren que poden ser similares ao tipo de alga orixinal que evolucionaría orixinando as plantas verdes e as algas vermellas.[1][3]

Características

Os cloroplastos das glaucófitas coñécense co nome de cianelas. A diferenza dos plastos doutros organismos, teñen unha capa de peptidoglicano, que se cre é un resto das cianobacterias que deron orixe aos plastos por endosimbiose.[1] As Glaucophyta conteñen o pigmento fotosintético clorofila a.[1] Xunto coas algas vermellas [1] e as cianobacterias, captan a luz por medio de ficobilisomas, estruturas que constan principalmente de ficobiliproteínas. As algas verdes e as plantas terrestres carecen dese pigmento.

As glaucófitas teñen mitocondrias con cristas planas, e presentan mitose aberta sen centríolos. As formas móbiles teñen dous flaxelos desiguais, que poden ter finos peliños e están ancorados nun sistema de múltiples capas de microtúbulos, e ambas as estruturas son similares a outras atopadas nalgunhas algas verdes.

Xéneros

Só se coñecen 13 especies de glaucófitas, clasificadas en só tres xéneros, e ningunha delas é especialmente abundante na natureza.[1] Os tres xéneros son:

  • Glaucocystis é inmóbil, aínda que retén un flaxelo moi curto vestixial, e ten parede celulósica.
  • Cyanophora é móbil e carece de parede celular.
  • Gloeochaete presenta tanto estadios móbiles coma inmóbiles, e ten unha parede celular que non parece estar formada por celulosa.

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Patrick J. Keeling (2004). "Diversity and evolutionary history of plastids and their hosts". American Journal of Botany 91 (10): 1481–1493. PMID 21652304. doi:10.3732/ajb.91.10.1481. Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2008. Consultado o 22 de xuño de 2012. 
  2. Jeffrey D. Palmer, Douglas E. Soltis & Mark W. Chase (2004). "The plant tree of life: an overview and some points of view". American Journal of Botany 91 (10): 1437–1445. PMID 21652302. doi:10.3732/ajb.91.10.1437. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2010. Consultado o 22 de xuño de 2012. 
  3. Eunsoo Kim & Linda E. Graham (2008). Redfield, Rosemary Jeanne, ed. "EEF2 Analysis Challenges the Monophyly of Archaeplastida and Chromalveolata". PLoS ONE 3 (7): e2621. PMC 2440802. PMID 18612431. doi:10.1371/journal.pone.0002621. Arquivado dende o orixinal (Free full text) o 04 de novembro de 2014. Consultado o 22 de xuño de 2012. 

Véxase tamén

Ligazóns externas