A igrexa do Santo Sepulcro (en latín: Ecclesia Sancti Sepulchri; tamén chamada igrexa da Resurrección ou igrexa da Anastase pola Igrexa ortodoxa; en árabe: كنيسة القيامة, Kaneesat al-Qeyaamah; en hebreo: כנסיית הקבר, Knesiyat ha-Kever; en grego: Ναός της Αναστάσεως, Naos tes Anastaseos; en armenio: Սուրբ Յարութեան տաճար, Surb Harut’ian Tachar), é unha igrexa dentro do barrio cristián da cidade vella de Xerusalén, preto de Muristan. A igrexa contén, de acordo coas tradicións máis antigas do século IV, os dous lugares máis sagrados da cristiandade: o lugar onde Xesús de Nazaret foi crucificado, coñecido como "Calvario" (Calvāria) en latín e "Golgotha" (Γολγοθᾶ, "Golgothâ") en grego,[1] e a tumba baleira de Xesús, onde se di que foi enterrado e onde resucitou. A tumba está rodeada polo santuario do século XVIII, chamado Edículo.