Moda Center
| Moda Center | |
|---|---|
| Datos | |
| Coordenadas | 45°31′54″N 122°40′00″O / 45.531666666667, -122.66666666667 |
| Localización | |
| Nomes antigos | Rose Garden (1995–2013) |
| Construción | |
| Construción | 12 de xullo de 1993 |
| Inauguración | 12 de outubro de 1995 |
| Arquitecto | Ellerbe Becket |
| Enxeñeiro | KPFF Consulting Engineers |
| Custo | $262 millóns |
| Estadio | |
| Capacidade | Baloncesto: 19.441 Hóckey sobre xeo: 18.280 |
| Propietario | Vulcan Inc. (Paul Allen) |
| Operadora | Anschutz Entertainment Group |
| Localía | Portland Trail Blazers (NBA) Portland Winterhawks (WHL) Portland Thunder (AFL) |
| Web | https://rosequarter.com/about-us/venues/moda-center/ |
| [ editar datos en Wikidata ] | |
O Moda Center (antes coñecido como Rose Garden) é un pavillón polideportivo cuberto situado na cidade de Portland (Oregón, Estados Unidos). Actualmente, é sede do equipo de baloncesto Portland Trail Blazers (NBA), así como dos Portland Winterhawks de hóckey sobre xeo e os Portland Thunder de fútbol americano a 8. Ten capacidade para 19.441 espectadores para partidos de baloncesto, a cal se pode modificar segundo o espectáculo albergado.
Historia

O pavillón comezou a construírse no ano 1993 cerca do Memorial Coliseum, antigo pavillón dos Trail Blazers. O nome orixinal do pavillón era "Rose Garden", o cal foi elixido para reflectir o alcume polo que se lle coñece á cidade de Portland, Rose City, e o de Garden para seguir o ronsel dos populares Boston Garden e Madison Square Garden. O arquitecto encargado de trazar o novo pavillón foi Ellerbe Becket, orixinario de Minneapolis, Minnesota, mentres que o labor de enxeñaría foi levado a cabo pola empresa KPFF Consulting Engineers.
Ao principio, o pavillón era propiedade de Oregon Area Corporation, unha corporación privada cuxo único accionista era Paul Allen. A construción estivo financiada en parte por un consorcio de prestamistas (TIAA-CREF, Prudential Insurance e Farmers Insurance) que achegaron 155 millóns de dólares. O demais correu principalmente a conta de Allen e da cidade de Portland. O financiamento do Rose Garden foi un grande exemplo de asociación pública-privada. A cidade, á súa vez, esperou que a construción do pavillón podería axudar a desenvolver e renovar o distrito de Rose Quarter. O custo final do recinto ascendeu até os 262 millóns de dólares tras as últimas renovacións (oficinas, complexos de lecer e garaxes). A inauguración foi o 12 de outubro de 1995.
O principal equipo que xoga de local no pavillón é Portland Trail Blazers. Os Portland Winterhawks da WHL están alí desde 1995, mentres que os Portland Thunder da AFL están desde 2014. O pavillón foi construído tamén co obxectivo de ter unha franquía na NHL, mais de momento non se conseguiu a pesar das especulacións que houbo respecto dese asunto.
Eventos
O Rose Garden acolleu varias veces eventos relacionados coa WWE, entre os que se inclúen o WWE Unforgiven en 2004, SmackDown! en 2006 e WWE Raw en febreiro de 2007. En inverno de 2005 celebráronse no Rose Garden os campionatos nacionais de patinaxe artística sobre xeo. En 2004, Portland foi elixida como unha das 5 sedes para albergar o Dew Action Sports Tour, unha franquía de deportes extremos que comezou en 2005. O evento que levou a cabo no Rose Garden titulouse Vans Invitational, e desenvolveuse entre o 17 e 21 de agosto. Tamén se practicaron competicións de motos. Ademais deses eventos o 17 de xuño de 2000 presentouse Roger Waters tocando In The Flesh, o DVD foi sacado dese concerto. O primeiro concerto que ofreceu o pavillón foi o de David Bowie con Nine Inch Nails. En novembro de 2005 os Rolling Stones e Paul McCartney tocaron no Rose Garden.